martes, 26 de noviembre de 2013

XORNADA DE FORMACIÓN EN SANTIAGO



A pesares das baixas temperaturas e dunha apetitosa mañá de sábado para empregar en miles de tarefas pendentes quentiños nas nosas casas, fixemos o grandísimo esforzo para poñer a alarma do despertador ben cedo e lanzarnos a unha nova sesión de formación ofertada por Entreculturas. Valeu sin duda a pena. A delegación de Entreculturas de Santiago foi o centro de reunión (sábado 23 de novembro de 2013), e neste espazo coincidimos unha mestura de profesores/as, voluntarios e +18, grupo heteroxéneo e diverso que enriqueceu esta xornada formativa con diferentes puntos de partida pero co mesmo obxectivo: “removernos” e actuar pola educación e os Dereitos Humanos.
A nosa queridísima Sandra Rodríguez foi quen de inaugurar a xornada confirmando as súas ben coñecidas capacidades organizativas coa primeira dinámica de grupo, do tipo “romper o xeo”, incitando aos alí presentes a un xogo de mans alzadas ao ritmo de “sopa ou empanada?”. Acto seguido Irene Ortega Guerrero, responsable del departamento de educación de Entreculturas, introduciu as liñas básicas de actuación e presentou diversos materiais didácticos editados por Entreculturas, que servirán de guía ao profesorado para abordar o traballo no eido dos Dereitos Humanos. Tras un descanso-café no que os asistentes tiveron o tempo para poñerse ao día e intercambiar impresións (ummm, que boa está esta tarta…, aínda que a empanadiña de Ferrol entraba ben agora…) mergullámonos no interesante obradoiro impartido por Leticia López Díaz, (a pesares da súa xuventude ten nas súas costas unha rica traxectoria como pedagoga e formadora), quen nos ofreceu importantes ferramentas metodolóxicas para fomentar nos adolescentes os valores dos dereitos humanos, e traballando a través de dinámicas e xogos a escoita activa, a expresión de sentimentos, ou o afrontamento cara a frustración. O resultado foi todo un poema: os alí presentes marchamos do curso cunha tremenda sensación de satisfacción, xa que as nosas expectativas quedaron máis que satisfeitas… ao igual que o noso bandullo tras un rico xantar compartido…









jueves, 21 de noviembre de 2013

A CADEIRA VERMELLA E O DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS NO CPI CONDE DE FENOSA DE ARES

Hoxe para celebrar o Día dos Dereitos da Infancia no noso cole o CPI Conde de Fenosa de Ares,realizamos unha sesión de contacontos para o alumnado de 1º de Primaria. Os alumnos/as encargados de toda esta montaxe foron un grupiño de rapazas e rapaces de 3º da ESO.

O conto cuxo título é “Mahán e a cadeira vermella” foi creado polos nenos e nenas de 1º da Eso do CPI “Virxe da Cela” de Monfero. As nosas compañeiras de 3º Andrea, Begoña, Lucía e Ainhoa foron as encargadas de contar a historia de Mahán  aos nosos pequerrechos de 1º EP, así como de facer un xogo para facelos recapacitar sobre á importancia da educación.
Tamén fixeron un estupendo mural e unha pegatina que repartiron a todos os nenos e nenas de primaria así como unha pequena cadeira vermella feita de barro que presidirá as súas aulas, recordando a importancia da educación e de que ese dereito se faga realidade para os 59 millóns de nenos e nenas que, a día de hoxe, están sen escolarizar en diferentes lugares do mundo e non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender.




martes, 19 de noviembre de 2013

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

Como tod@s sabedes hoxe 20 de novembro conmemórase a aprobación da Convención sobre os Dereitos da Infancia. En dita Convención recóllese o conxunto máis amplo de normas xurídicas internacionais para a protección das persoas menores de 18 anos. Sen esquecer que os dereitos deben formar parte da vida diaria da infancia e adolescencia ao longo de todo o ano, cada 20 de novembro temos a oportunidade de reflexionar sobre que son e en que situación está o cumprimento dos mesmos. É moi importante, á hora de falar dos dereitos dos nen@s, insistir en cales son, como deben estar contemplados por toda a sociedade e na importancia que teñen para todos os nenos e nenas do mundo por igual. 
 Aínda que o respecto pola infancia, polos dereitos e valores deben traballarse no día a día, esta data é unha gran oportunidade para celebralo entre tod@s e realizar propostas específicas. Así no noso cole, o CPI Virxe da Cela, os alumnos de 1º ESO realizaron un magnífico programa de radio sobre “Os dereitos da infancia", no cal reflexionaron sobre o seu cumprimento, recordando que aínda hai dereitos que non se están a cumprir e que non todos os nenos e nenas teñen as mesmas oportunidades de alcanzalos. Ademais realizaron un pequeno dossier coas súas reflexións. 

Aquí vos deixamos  o seu traballo.




    Making off programa de Radio "O Xestal nas Ondas". 

                               

viernes, 1 de noviembre de 2013

VIDEO DO XV ENCONTRO EN REDE DE ENTRECULTURAS


Aquí tedes un pequeno vídeo do XV Encontro en Rede de Entreculturas celebrado no colexio "Jesús Maestro" o 26 de outubro en Ferrol.