lunes, 21 de abril de 2014

EMISIÓN RADIOFÓNICA VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014



A celebración do VI Rastro Solidario e Operación Quilo 2014 supón un día moi especial para o CPI Virxe da Cela. O venres 11 de abril de 2014 o noso centro realizou unha xornada de portas abertas, e ademais dos nenos e nenas, profesores e profesoras, os corredores recibiron a visita de familias, que se achegaron á nosa escola para participar activamente nesta actividade. Coincidindo coa realización do obradoiro de radio “Laboratorio Radiofónico”, que se vén desenvolvendo todos os venres no noso centro desde o pasado mes de febreiro e dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 4º da ESO, tivemos a idea de realizar unha gravación especial dedicada á VI Edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014.

     Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria entrevistaron a Belén e Yoli, dúas das nais que viviron de cerca esta experiencia: dedicaron parte do seu tempo axudando aos máis pequenos a elixir os obxectos e realizar o troco de alimentos, axenciáronse a cámara de fotos para documentar a actividade, e incluso unha delas aportou gran cantidade de bisutería realizada artesanalmente utilizando as cápsulas de nespresso e que tivo grande éxito de vendas… Aproveitando a visita de Mª José e Bea, da Fundación Ayuda en Acción, fixémoslles tamén unha entrevista para ver o seu punto de vista. Ambas agasallaron ao noso centro cun montón de críticas positivas, e sabemos que o convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción que firmamos o pasado mes de decembro de 2013 vai dar moitos froitos. Tamén entrevistamos a Verónica, unha das profes coordinadoras de Monferosolidario, que resaltou a importancia desta actividade para sensibilizar a toda a comunidade educativa, e contamos tamén cos comentarios de varios alumnos e alumnas, que amosan grande entusiasmo e satisfacción ao sentirse partícipes dunha acción que vai axudar ás persoas máis necesitadas.



lunes, 14 de abril de 2014

ODM 1. MINIDOCUMENTAL REALIZADO NO CPI VIRXE DA CELA

Este é o segundo dos minidocumentais que os alumnos e alumnas da ESO están a realizar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Un  traballo que supón unha longa planificación: busca de información, planificación do guión, creación dos debuxos e avatares, gravación das voces, montaxe do vídeo. Aquí vos deixamos o produto final. Seguide atentos porque en breve colgaremos o terceiro dos nosos documentais.


                              

domingo, 6 de abril de 2014

LANCY DODEM VISITA DE NOVO O CPI VIRXE DA CELA


 “A viaxe ao norte” non só é o título do libro que acaba de presentar Lancy Dodem, o primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer, senón tamén unha metáfora do choque de culturas, a oriental e a occidental, que tivo a oportunidade de experimentar cando deixou a súa India natal para asentarse en España. É un libro de memorias, habitado por todas as persoas que o rodearon na súa infancia e adolescencia: os seus amigos, pais, irmáns, incluso o propio Vicente Ferrer, que tanto peso tivo na súa vida. Está repleto de experiencias, de anécdotas, de sabiduría… e a través da súa lectura poderemos coñecer o noso país a través da mirada do “outro”, daquel que chegou de lonxe e descubriu con sorpresa todo o que para nós xa pasa desapercibido… 

   Lancy presentou o seu libro na librería Arenas da Coruña, e aproveitou a súa “viaxe ao noroeste peninsular” para visitar o CPI Virxe da Cela, acompañado por Yolanda Ferrer, a “embaixadora” da FVF na Coruña. Un ano máis comeron connosco no comedor escolar, saboreando os pratos elaborados polas nosas cociñeiras e mantendo unha animada conversa cos comensais, como se de familia se tratase. Xa en sesión de tarde, Lancy impartiu dúas charlas ao alumnado de EI e de EP, amenizadas pola espontaneidade dos máis pequenos/as do noso cole, que fixeron simpáticas preguntas e intervencións. A clausura do acto realizouse coa foto oficial da firma do libro “Mi viaje al Norte” en presenza da directora do centro e un forte aplauso que convidaba a Lancy a regresar o próximo ano de novo ao noso centro. Os/as que teñan curiosidade por facer unha “viaxe ao norte”, lembrade que tedes o libro á vosa disposición na biblioteca escolar.





viernes, 4 de abril de 2014

CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014 NO CPI VIRXE DA CELA

Un ano máis, e con este xa van seis, o CPI Virxe da Cela organiza o VI Rastro Solidario. Nesta ocasión contamos coa colaboración da AMPA da nosa escola, que prestarán a súa axuda tanto para difundir a actividade, como para levala a cabo. Esperamos que todos xuntos logremos o noso obxectivo, concienciar á nosa comunidade educativa de que unha pequena acción pode cambiar o mundo. Nesta ocasión, en lugar de cartos faremos as compras a través do troco con alimentos non perecedeiros, e deste xeito axudaremos a todas esas familias que están nunha situación crítica, a través da Cociña Económica de Ferrol. O alumnado de 1º da ESO visitará todas as aulas da nosa escola para repartir entre os rapaces e rapazas as circulares que informarán ás familias desta actividade, e pedirán a súa colaboración. Para nós e sumamente importante este intercambio xeracional, e que a mocidade transmita aos máis pequenos a súa experiencia e os animen a formar parte desta gran familia: Monferosolidario.